Sergio Cubeiro dirixirá ao filial do Leyma Coruña, recentemente ascendido a Liga EBA

Sergio Cubeiro (Ferrol, 1978) é desde hoxe novo adestrador do filial laranxa.

Tras formarse como técnico no CB Galicia e en Ferrol CB, adestrou no Sedis Mausa da Seu d´Urgell en 2010. En 2011 viviu a experiencia da liga EBA tamén cun recentemente ascendido, o Santa Cruz de la Palma e en 2012 decidiu emigrar para vivir novas experiencias no baloncesto. Asumiu entón a dirección do Eskilstuna sueco e apostou, dous anos mais tarde, polo baloncesto feminino en Dinamarca. Alí logrou facer campión da primeira liga danesa ao Virum Go Dream dous anos consecutivos, tras coller ao equipo recentemente ascendido á categoría. Agora chega á nosa cidade para consolidar o proxecto do filial en Liga EBA e para dirixir a canteira do club.

Os máis de 30 equipos que conforman a base do Básquet Coruña son pezas crave no crecemento do mesmo, e por iso Sergio Cubeiro encargarase de dar forma á coordinación da canteira, da man dun persoal que conta con 25 adestradores e adestradoras. Seguir dando a oportunidade de xogar ao baloncesto aos mozos e mozas da cidade que o desexen, así como mellorar a formación dos nosos xogadores e xogadoras serán os obxectivos principais do seu traballo.

Benvido Sergio Cubeiro!

Desde hoxe un laranxa máis nas filas do Club Básquet Coruña.