Moncho López, nas xornadas de formación a adestradores que organiza o Club Básquet Coruña

O técnico galego Moncho López, ex seleccionador nacional e actual adestrador do Porto -recentemente proclamado campión da liga portuguesa-, participará o vindeiro luns 13 de xuño na última sesión das xornadas de formación para preparadores organizadas polo Club Básquet Coruña baixo o título "E ti como adestras?".

Moncho López compartirá cos asistentes o coñecemento adquirido na súa longa traxectoria como adestrador, que desde 2009 desenvolve no club portugués FC Porto, e tras lograr que o seu equipo leve esta tempada o título ligueiro ante o Benfica, que nas últimas edicións da competición acumulara catro títulos consecutivos.

Será o relator convidado da adestradora María José Cousillas, quen dirixirá a sesión, inicialmente prevista para mañá xoves día 9, e que abordará o tema do "Adestramento do tiro nas diferentes idades de formación".

O encontro do luns será o colofón destas xornadas gratuítas abertas a todos os adestradores/as da cidade e área metropolitana, que comezaron o pasado mes de febreiro co aval da Federación Galega de Baloncesto e da man de adestradores de sólido prestixio.

Do mesmo xeito que en ocasións anteriores, quen atendan esta charla recibirán da FGB o recoñecemento de tres horas complementarias de formación, de face a obter a titulación de adestrador. O lugar e hora de celebración será a Polideportiva de Riazor 2, ás 21:00 horas.

Os interesados en asistir aínda poden inscribirse a través das canles habituais do Club Básquet Coruña: o correo club@basquetcoruna.es e o teléfono 981 264 022.