GEDIMINAS ZYLE XA FORMA PARTE DO SENTIMENTO LARANXA

O Club Leyma Básquet Coruña segue avanzando no deseño do seu persoal e esta mañá anunciou o acordo coa á-pivote Gediminas Zyle para xogar no primeiro equipo na tempada que arrinca.

De nacionalidade lituana, desenvolveu boa parte da súa carreira deportiva no seu país -con catro tempadas de experiencia na LKL e a liga Báltica- salvo as dúas últimas campañas.

Os seus 210 cm de altura e notable envergadura non lle impiden ser áxil e rápido, e terminar os contraataques polo carril central. Pola súa estatura resulta intimidador na pintura, obrigando aos seus rivais a rectificar o tiro.  Bo lanzador de 3 puntos, forza aos seus defensores a exercer unha estreita marcaxe.

No últimas catro tempadas pasou sucesivamente polos equipos KK Baltai e Nevezis, ambos da máxima competición lituana (LKL), recalando logo no Azpeitia Azkoitia ISB da LEB Prata -tempada 2013-14-. Posteriormente trasládase a Romanía fichado polo CSU Atlassib Sibiu, pertencente á máxima competición nacional, a Divizia A. As súas estatísticas no equipo romanés nos 10 partidos xogados -15 minutos por partido- promediaron 5 puntos e 2 rebotes. 

Agora regresa a España da man do Leyma Básquet Coruña para pór todo o seu talento e intensidade ao servizo do equipo herculino baixo as ordes de Perico Díaz, que deste xeito xa conta con sete xogadores confirmados: Gedeminas Zyle, Sergio Olmos, Zach Monaghan, Ben Stelzer e os xa veteranos no equipo, Anxo Hernández, Beka Burjanadze e Jesús Castro.