Crónica Infantil Feminino Primeira división: É duro pero, podemos? Se, podemos

O domingo pola tarde en Pontevedra as mozas do infantil feminino de Liga Galega conseguiron unha moi merecida e traballada vitoria ante o equipo de Arxil. Esta representa a súa segunda vitoria consecutiva e pola dureza do partido mostra unha gran mellora deste equipo, sobre todo a nivel mental.

Convencidas de que a súa presión tería éxito nosas mozas saíron moi enchufadas, non deixando ás locais practicamente nin pasar do medio campo nos 2 primeiros minutos e conseguindo unha lixeira vantaxe no marcador, que lles permitiría estar por diante xa durante todo o partido.

Tras un tempo morto as de Arxil conseguiron axustar o seu xogo para poder superar a presión das de BC, aínda que as nosas mozas seguían defendendo duro e ás locais custáballes moito anotar en 5x5. As opcións máis claras para anotar por parte das locais viñan de contraataques por fallos en pases precipitados das nosas e tiros libres por mor da acumulación de faltas.

O xogo en ataque das de Basquet Coruña foi bastante equilibrado, con opcións de tiro a partir de 1x1, cortes, pases interiores, tiros exteriores e rebotes. Isto permitiulles irse ao descanso con 9 puntos de vantaxe.

Na continuación as de Arxil endureceron moito o seu xogo, grazas á permisividade arbitral. Agora era ás de Coruña ás que lles custaba chegar á canastra, chegando as pontevedresas a porse a 4 puntos. A diferenza doutros partidos as nosas mozas non se asustaron, nin se desconcentraron, nin baixaron os brazos; foron capaces de seguir xogando en equipo, ao seu, correndo a defender tras cada perda ou cada tiro fallado, confiando nas súas compañeiras, crendo na vitoria e traballando duro para conseguila, sen descansar nin un só segundo.

Hai que felicitar ás mozas do noso Infantil feminino de Liga Galega por esta vitoria, pero sobre todo polo gran paso adiante que deron como equipo, porque todas saben que hai uns meses este partido non o gañaron. Parabén polo voso traballo nos adestramentos, por sabervos repor dun baixón, por seguir confiando no voso equipo e a seguir traballando duro para ser cada día mellores, sen esquecer que en cada adestro e cada partido tedes que gozar xuntas xogando ao baloncesto.