Zach Monaghan continúa nas filas do Leyma Básquet Coruña para a próxima tempada

A base-escolta estadounidense Zach Monaghan defenderá por segunda tempada consecutiva as cores do Leyma Básquet Coruña tras o acordo recentemente alcanzado entre o club e o xogador.

Desde a súa chegada como rookie ao conxunto coruñés para estrearse no baloncesto europeo, Zach progresou paulatinamente ata conseguir dous MVPs nos playoff de ascenso a ACB disputados pola laranxas fronte aos Cafés Candeas Breogán e o Melilla Baloncesto.

Con gran capacidade para o pase e a anotación, gústalle desbordar en 1x1 tanto en estático como en carreira. Bo tirador de tres puntos, tamén anota moitos puntos con penetracións e é capaz de xogar en varios postos, como xa demostrou na súa etapa universitaria, na que superou varios records como xogador e alcanzou a segunda posición da historia en roubos e asistencias.

A afección laranxa poderá seguir gozando con Zach Monaghan do seu xogo espectacular, no que brillan especialmente as súas asistencias, e da súa especial conexión coa bancada e a cidade.

Con esta renovación segue tomando forma o proxecto do Leyma Básquet Coruña para a próxima tempada, na que o adestrador Perico Díaz seguirá ao mando dun equipo no que tamén está confirmada a continuidade da á-pivote Gediminas Zyle e do escolta Ben Stelzer.