Xogadores do Leyma Básquet Coruña coñecen o traballo de Adaceco con afectados por dano cerebral

Os xogadores Sergio Olmos, Zach Monaghan e Gediminas Zyle, do primeiro equipo do Club Leyma Básquet Coruña, visitaron esta tarde as instalacións da Asociación de Dano Cerebral da Coruña (ADACECO), situada nas Xubias, dedicada á atención de persoas afectadas de dano cerebral adquirido e ao apoio ás súas familias, e que este mes de novembro cumpre os seus 15 anos de actividade.

Os xogadores compartiron o seu tempo e charlaron con beneficiarios e responsables da entidade, que conta con 430 socios, á vez que coñeceron de primeira man o labor que nela se realiza. Máis dun centenar de persoas recibe asistencia semanal a través do Centro de Día e da área de Atención Ambulatoria de ADACECO. No seu traballo para lograr a integración e calidade de vida de persoas afectadas por enfermidades como ictus, traumatismos cranioencefálicos ou tumores cerebrais de diversa índole, os usuarios reciben tratamentos rehabilitadores a través de disciplinas como a fisioterapia, a logopedia e a neuropsicología, aos que se unen actividades de terapia ocupacional, de lecer e tempo libre.

A visita dos xogadores do equipo LEB Ouro do Club Leyma Básquet Coruña enmárcase no programa solidario que desenvolve a entidade baloncestística baixo a lema ?15 Partidos, 15 Causas?, que patrocina a Obra Social da Caixa. Con motivo da recente conmemoración do Día do Dano Cerebral Adquirido, o pasado 26 de outubro, ADACECO será a causa social á que o Club dará visibilidade este sábado durante o descanso do partido contra o San Pablo Inmobiliaria Burgos no Palacio dos Deportes de Riazor, co fin de contribuír á sensibilización e apoio social ao proxecto.

Esta web emprega cookies. Se continúas navegando entendemos que aceptas a nosa Política de cookies.