Vitoria de corazón

O Leyma Coruña leva a primeira vitoria da tempada diante da súa afección, segunda consecutiva, tras unha taquicárdica prórroga nun partido igualado e intenso.

Os 40 minutos regulamentarios foron de igualdade por parte de ambos os equipos. Por refachos anotadores, o marcador inclinábase para locais ou visitantes, pero cunha vantaxe mínima en case todo momento. A pesar de que o luminoso ao descanso mostraba unha pequena vantaxe para os baleares, á volta dos vestiarios a renda maior foi para o conxunto laranxa, que con o dominio do rebote e un excepcional papel no ámbito dos tapóns, acabou por levar o triunfo nun duro duelo ante os visitantes.

A emoción vivida na bancada xunto co impulso da afección sen dúbida axudaron ao equipo a alcanzar a vitoria final nunha intensa prórroga (76-70) que os nosos se acabaron levando con tres contundentes e consecutivos triplos nos últimos compases da mesma.

Así, o Leyma Coruña suma unha vitoria máis á marcadora e ponse con 2V-2D. O vindeiro sábado día 30 ás 19:00h e outra vez en #OFornodeRiazor, nova oportunidade para loitar polo terceiro triunfo consecutivo no duelo ante Acunsa Gipuzkoa. Esperámosvos  para seguir apoiando ao equipo, #FamiliaNaranja!

Resultados por cuartos: 19-21/32-38/52-48/66-66/76-70.

 

Esta web emprega cookies. Se continúas navegando entendemos que aceptas a nosa Política de cookies.