Tito Díaz seguirá levando as rendas do Leyma Básquet Coruña na próxima tempada

O Club Básquet Coruña anuncia a continuidade de Tito Díaz como adestrador do primeiro equipo, polo que o lucense encara a súa cuarta tempada á fronte dos laranxas. Xunto a el, seguirán no banco o técnico axudante Charlie Uzal e o preparador físico Gustavo Gago, ambos con dilatada traxectoria no club herculino.

O técnico declarou sentirse "moi contento, porque acabamos de confirmar a que vai ser a miña cuarta tempada consecutiva no Basquet Coruña. Creo que é unha boa noticia para todos porque seguir unidos no tempo club e adestrador sempre é un bo síntoma de estabilidade", asegura, á vez que engade que "esta estabilidade axudará a transmitir confianza a todos os que integramos o corpo técnico, para poder darlle continuidade á nosa idea de xogo desta pasada tempada, alegre, en toda a pista, con ritmo, asumindo riscos....coa que creo que gozamos e, de paso, feito gozar a moita xente".

Finalmente, Tito Díaz subliña que "este será o noso principal obxectivo para a nova tempada, seguir traballando todos xuntos, co mesmo estilo e tratando de transmitir alegría co noso xogo. Queremos seguir enganchando a moita xente ao baloncesto e que siga a festa do Básquet Coruña".

Satisfacción da directiva do Club

A directiva do Club Básquet Coruña mostra tamén a súa satisfacción por poder manter o corpo técnico que, encabezado por Tito Díaz, levou a bo porto a nave do Leyma Básquet Coruña no tres últimas tempadas, creando un estilo de xogo vibrante e espectacular, que conectou coa bancada e volveu a encher de sentimento laranxa e de ilusión o Palacio dos Deportes de Riazor.

Os responsables da entidade confían plenamente no saber facer demostrado por Tito Díaz e continúan traballando na configuración dun persoal na que ata o momento están pechadas as renovacións da á-pivote lituano Gediminas Zyle e do escolta estadounidense Ben Stelzer.

Tempada histórica do equipo LEB Ouro

O bo traballo de Tito Díaz e de todo o corpo técnico non só permitiu que o equipo encare a que será a súa quinta tempada consecutiva na segunda categoría do baloncesto nacional, senón que na recentemente finalizada edición da liga LEB Ouro o Leyma Básquet Coruña superou todas as expectativas ao asinar unha brillante eliminatoria de playoff de ascenso á ACB, chegando ás portas da final tras vencer na primeira rolda ao Café Candelas Breogán e forzar ao Melilla Baloncesto a xogar cinco partidos para lograr o pase. 

Desde a súa chegada ao club, é a segunda ocasión na que o técnico galego ha logrado que os laranxas xoguen os playoff de ascenso á ACB e a primeira vez na historia da entidade na que chegan a semifinais.

Esta web emprega cookies. Se continúas navegando entendemos que aceptas a nosa Política de cookies.