Tito Díaz: "foi un triunfo xusto nunha pista difícil"

Os de Tito Díaz viaxaron á Cidade Condal coa lección ben aprendida e esta noite puxeron o cinco sentidos para aplicala na pista fronte ao seu rival, o FC Barcelona B Lassa. O resultado foi un contundente 76-88, sen sustos no tramo final, o que dá mostra de que os nosos seguen mellorando en solidez e madurez como equipo.

Tras esta valiosa vitoria e enlazando coas claves da súa análise previa do encontro, o adestrador Tito Díaz destacou que os seus xogadores deran cumprida conta do traballado durante a semana: defenderon ben os bloqueos directos sobre Laka Jakovic, controlaron o rebote e puideron correr en toda a pista, o que lles deu ritmo e permitiulles ir minando aos poucos ao rival, xerando as condicións para o spring final que lles permitiu ampliar distancias no marcador.

Deste xeito, tras un partido bastante igualado no tres primeiros cuartos, que finalizaban sempre con lixeiras vantaxes dos visitantes -dous ou tres puntos arriba-, estes continuaron exhibindo un xogo serio que lles permitiu acrecentar a vantaxe no marcador no tramo final, cunha boa defensa que obrigaba aos locais a tirar de lonxe e, con iso, a errar no tiro máis do que lles gustou.

Volta a casa, por tanto, con moi bo sabor de boca e pensando xa na terceira vitoria consecutiva que sumarían se este domingo dobran o brazo ao Planasa Navarra no Palacio dos Deportes de Riazor, ás 12:00 horas. Alí estaremos!

Esta web emprega cookies. Se continúas navegando entendemos que aceptas a nosa Política de cookies.