Tito Díaz:

Antes de recibir este domingo en casa ás Penas Huesca, o Leyma Básquet Coruña viaxa a Castelló para enfrontarse ao equipo local mañá mércores ás 20:30 horas, en partido correspondente á sétima xornada de liga.

Na rolda de prensa celebrada esta mañá, o técnico Tito Díaz mostrou que os seus xogadores pelexarán unha vez máis o partido en busca dunha vitoria que se fai de rogar pero da que se saben xustos merecedores.

Así o deu a entender, ao reiterar como en anteriores xornadas a súa satisfacción cun equipo que "ten un mérito enorme", que o está "facendo moi ben", e que se segue adestrando e competindo como ata agora logrará despegar na clasificación. Nin o calendario nin as lesións están a axudar por agora, pero trátase dun equipo moi novo que está a adquirir experiencia a falta do seu capitán Jesús Castro e aprendendo dos erros polos que partidos moi igualados escápanselles das mans nos últimos minutos.

A súa receita, por tanto, para este novo encontro, non varía moito: facer un partido moi serio en defensa, seguir controlando o rebote como fixeron contra o Burgos e mellorar o ataque, evitando as perdas de balón que favoreceron a derrota do pasado sábado en casa. En fronte terán a un equipo que xoga con gran velocidade e en toda a pista, que chega en refacho e "con toda a confianza do mundo" ao revelarse como "un dos equipos máis en forma da liga". As cifras certifícano: catro vitorias no seu últimos cinco partidos, unha media de 87 puntos, é ademais líder da competición en canto a porcentaxes de tiros de 2 e de campo, así como en canto a valoración, con 92,2 puntos.

En relación coas sucesivas derrotas do inicio de tempada Tito Díaz recoñeceu que o equipo e o corpo técnico "estamos amolados, pero non preocupados", porque "doe perder cando sabemos que puidemos gañar".

Esta web emprega cookies. Se continúas navegando entendemos que aceptas a nosa Política de cookies.