Tito Díaz: "agora empezamos a xogar contra os equipos da nosa liga"

O Leyma Básquet Coruña volve xogar este domingo en casa, poucos días despois do seu duelo en Castelló o pasado mércores, onde perdeu por un punto nos últimos segundos do partido. En palabras do seu adestrador Perico Díaz, o equipo chega ao enfrontamento contra as Penas Huesca "coas pilas moi cargadas para cambiar isto", en referencia á ausencia de vitorias, exceptuando o choque contra o Café Candeas Breogán na cuarta xornada.

Asegurou que os seus van necesitar moi especialmente o apoio da afección laranxa nestes momentos nos que a sucesión de derrotas pode prexudicar a confianza do equipo en si mesmo, a pesar de que en Castelló realizaron a súa mellor primeira parte da tempada. Perico Díaz non dubida da boa forma do seu equipo: "son optimista porque conseguimos chegar a finais igualados sexa que quen sexa o rival", destacou. Está previsto que Jesús Castro poida xogar uns minutos, do mesmo xeito que no caso de Gediminas Zyle.

En relación aos partidos que se aveciñan nestas próximas xornadas, indicou que, despois de competir a moi bo nivel cos equipos que van máis arriba na clasificación, "agora empezamos a xogar contra os equipos da nosa liga", posto que se trata de conxuntos cuxos obxectivos se moven máis ben entre evitar o descenso ata entrar nos play off.
Concretamente de face ao choque contra as Penas Huesca, pediu aos seus un paso adiante en nivel defensivo e en rebote, así como unha boa concentración en ataque para evitar perdas de balón e, non menos importante nestes momentos, o control das emocións. A diferenza dos conxuntos anteriores, os rivais deste domingo son tamén moi novos, a súa mellor virtude radica no rebote ofensivo, xogan cunha forte defensa en toda a pista e con constantes rotacións que imprimen un alto ritmo ao partido. Con toda seguridade, o Palacio dos Deportes de Riazor ofrecerá un estilo de xogo moi vivo e fresco, só falta que a afección insufle confianza e sentimento laranxa desde as bancadas e que os nosos afinen o tiro como demostraron saber facer.

Esta web emprega cookies. Se continúas navegando entendemos que aceptas a nosa Política de cookies.