Suma e segue

A pesar dun inicio con pouca fortuna de face ao aro, por parte de ambos os equipos, o Leyma Coruña foi o primeiro en comezar a rodar e anotar, ata que cun 9-0 favorable, a petición de tempo morto por parte do adestrador dos ovetenses fixo que o equipo asturiano aumentase a potencia, facendo un parcial de 9-14, en poucos minutos. Con todo, nos instantes finais do primeiro cuarto, o conxunto laranxa volveu sumar, finalizando o cuarto con 16-14.

O comezo do segundo cuarto supuxo un festival laranxa, con dous triplos seguidos de Osvaldas e outro de Javi Veiga, que xunto coa falta de acerto por parte dos mozos de Lezkano, fixeron que o Leyma fósese afastando no marcador, fixando un +10, con 41-31 no descanso.

Á volta dos vestiarios, o encontro baixou as revolucións, despois de dous cuartos cheos de intensidade. De novo, o dominio do rebote por parte dos laranxas foi clave para a anotación do encontro. O terceiro cuarto finalizou con 57-49.

No cuarto final, de novo dous triplos seguidos, de Javi Veiga e Dago Pena, fixeron que os ovetenses seguisen forzando para achegarse no marcador ao Leyma, pero a loita do conxunto local, que segue estando moi concentrado en defensa, provocou que iso non fose posible. A concentración foi clave no encontro, e o triunfo do Leyma materializouse cun 74-67 final.

Este sábado, ás 12:30 en Ourense, terceiro partido de pretemporada. Enfrontámonos ao Ibereólica Renovables Ourense.

Esta web emprega cookies. Se continúas navegando entendemos que aceptas a nosa Política de cookies.