Roberto Varela, convocado a adestrar coa Preselección Galega Mini Masculina

O noso xogador Roberto Varela, do equipo alevín Básquet Coruña 04, recibiu un agasallo adiantado por Nadal, e é que a Federación Galega de Baloncesto convocouno para acudir coa Preselección Galega en categoría Mini Masculina á concentración que terá lugar na Estrada o domingo 21 de decembro.

Durante unha intensa xornada de mañá e tarde Roberto adestrará con outros 14 nenos nados en 2004 e 2005, procedentes de diversos clubs da contorna da Coruña, Vilagarcía de Arousa, Ferrol, Vigo e Santiago de Compostela. Todos eles estarán baixo as ordes dos adestradores Javier Cotelo e Iván Villaverde, do CB Artai.

En total, 30 nenos e 26 nenas do catro provincias galegas concentraranse no Pavillón Manuel Coto Ferreiro da Estrada entre os días 20 e 21 deste mes, organizados en 4 grupos. Tendo en conta o rendemento dos participantes, os técnicos elaborarán unha nova convocatoria de face á seguinte concentración, que se desenvolverá os días 27 e 28 de decembro nas mesmas instalacións estradenses.

Estas xornadas organizadas pola Federación Galega de Baloncesto son unha excelente ocasión de crecemento persoal e deportivo para os mozos xogadores e un paso adiante na súa formación competitiva. Desde aquí, tanto o Club, como os compañeiros de equipo de Roberto e o seu adestrador Jorge López dámoslle o noso parabén e desexámoslle que saque o máximo proveito desta experiencia.