Revivir a vitoria contra Cociñas.com xa é posible grazas á nosa canle de Youtube e as fotos da nosa galería

O pasado sábado tivemos un partido cargado de oportunidades de gozar. Ademais de conseguir unha importante vitoria fronte ás Cociñas.com, confiando en que sexa o primeiro paso para converir Riazor nun fortín, contemplamos de novo a Beqa Burjanadze en modo MVP, apoiado por unha gran actuación de todo o equipo.

No descanso vivimos un momento emotivo, recoñecendo á promoción de xogadores/as graduados nesta tempada o seu paso por todas as categorías de formación do club, e todo iso cun padriño de excepción para a ocasión, Darío Suárez, exemplo do que deben representar os valores do Básquet Coruña. Martín Montero, Pablo López Pizarro, Diego Albo, María Gras, Eva Sánchez Botana, Mateo Eiroa e Diego Xusto, xunto a Darío, son claros expoñentes do ADN laranxa.

Mostramos o noso apoio de novo á campaña en contra das violencias de xénero, no marco do programa "15 partidos, 15 causas" no que colaboramos coa Obra Social "a Caixa". Para iso tivemos a axuda dos nenos e nenas da escola do club no Colexio Montespiño, que xunto ao equipo infantil feminino de 1ª división foron os Voluntarios Estrela do partido e amenizaron os tempos mortos co seu xogo na pista. Nesta tarefa tamén participou o grupo de baile "Sálbame" coa súa actuación no descanso.

En definitiva, un partido cargado de momentos para o recordo que agora podemos revivir a través do foco de Nando Martínez e da nosa canle de Youtube

Galería de imaxes