Perris Blackwell, última fichaxe para o Leyma Coruña

O pivote estadounidense Perris Blackwell é novo xogador de Leyma Coruña. Chega ao club laranxa procedente do Club Atlético Cordón, tras disputar as fases finais de ascenso a primeira división uruguaia desde finais de agosto ata a pasada madrugada, o que atrasou o anuncio da súa fichaxe por respecto ao seu club de orixe e a súa incorporación, que se atopaba pechada desde mediados de agosto.

Blackwell é un xogador interior de 28 anos, cunha gran envergadura (2.06m) e de gran fortaleza física. Ademais, é bo reboteador e con bos movementos no poste baixo, polo que axudará ao equipo con esas características.

Conta cunha gran experiencia como xogador. Militou tres tempadas na NCAA I, na universidade de San Francisco (12.7 puntos e 7.3 rebotes), e no seu último ano universitario xogou na universidade de Washington, unha das mellores a nivel nacional (10.2 puntos e 6.8 rebotes).

En 2014 iniciou a súa carreira profesional na liga Nacional Chilena, co Club Osorno Basquetbol (20.0 puntos, 11.7 rebotes e 1.2 asistencias). Posteriormente, cruzou o charco cara a Europa, militando no Worcester Wolves de Inglaterra (17.3 puntos, 8.5 rebotes e 1.6 asistencias) e no Andrezieux Boutheon Loire Sud Basket de Francia (14.9 puntos, 8 rebotes). Estas últimas tempadas disputounas no baloncesto suramericano, co Hispano Americano de Liga Nacional Arxentina (10.7 puntos, 6.4 rebotes e 1.1 asistencias) e o Club Atlético Cordón de Uruguai (18.9 puntos, 14.8 rebotes e 1.6 asistencias), de onde procede.

Coa chegada de Perris complétase o persoal de Leyma Coruña para esta tempada 19-20. O club quere desexarlle ao novo xogador moita sorte e éxito nesta nova etapa, a primeira no noso país, e darlle a benvida ao que será o seu novo equipo os próximos 9 meses, e que o seu compromiso e crecemento permitan ao club laranxa alcanzar novas cotas na LEB Ouro e gozar do seu xogo a todos os afeccionados en #OFornoDeRiazor.

Esta web emprega cookies. Se continúas navegando entendemos que aceptas a nosa Política de cookies.