Os laranxas xogan en Lugo contra un Breo reforzado e coas alarmas acesas

Borrón e conta nova. Tras unha semana de duro traballo para recuperarse de derrótaa fronte ao Ourense Provincia Termal e, sobre todo, do único partido da liga no que os laranxas non entraron nin competiron como saben, en palabras do seu adestrador Tito Díaz, o Leyma Básquet Coruña visita mañá a casa do Café Candelas Breogán totalmente en forma, cheo de ilusión e boas sensacións.

Este novo derbi vai ser especialmente difícil para o equipo visitante porque, como recoñeceu o técnico na valoración previa do partido, toca medirse ante "un grande ferido e con todas as alarmas acesas", xa que a estas alturas da liga "non están como eles esperaban, con oito partidos gañados de 10 xogados". Un saldo que coincide co do conxunto coruñés, pero que no caso do Café Candelas Breogán desentona co seu nivel e traxectoria, ao tratarse de "un dos grandes e favoritos sempre ao ascenso".

Ademais, o conxunto celeste reforzouse con dúas importantes incorporacións, a do escolta estadounidense Jeff Xavier e a da á pivot Pep Ortega , dous xogadores ?que achegan puntos, experiencia e carácter?. E, aínda por riba, a afección lucense, "a mellor da liga e unha das mellores de España" volverá ser con toda seguridade "o sexto xogador no Pazo".

Fronte a este escenario, Perico Díaz asegura que "temos que ser nós mesmos, xogando e defendendo en equipo, acoutando o noso aro e desde aí construíndo o noso mellor xogo en ataque", sen permitirse perdas de balón nin descoidos defensivos que dean ás á agresividade ofensiva que caracteriza ao equipo lucense.

Novo derbi por tanto de máxima emoción e disputa, que a afección gozará ao máximo, ben sexa nas bancadas do Pazo ou ben desde esta web, para quen non poden desprazarse mañá ata a cidade veciña. 

Esta web emprega cookies. Se continúas navegando entendemos que aceptas a nosa Política de cookies.