Os laranxas mídense mañá a un Prat Joventut en bo estado de forma

Tras a rotunda vitoria laranxa da semana pasada en Huesca (64-78), o Leyma Básquet Coruña volve xogar mañá venres en casa ás 21:00 horas, coa ilusión de gañar ante a súa afección e quitarse a espiña do anterior choque en Riazor que finalizou con saldo negativo da locais fronte ao equipo de Castelló, por un peche en falso do partido a cinco minutos do seu fin.

Os de Tito Díaz demostraron en Huesca que aprenderan a lección e chegan ao choque de mañá dispostos a reeditar o bo nivel defensivo exercido nos 40 minutos do último choque e a buscar con paciencia as súas opcións de xogo.

Na súa análise previa do encontro contra o Prat Joventut, o técnico laranxa asegurou que "se somos sólidos atrás, incluído o rebote, poderemos correr e facer o noso baloncesto", á vez que advertía da boa serie do rival. Porque aínda que é certo que o conxunto catalán chega penúltimo na táboa, atópase en bo estado de forma, gañou tres do seu catro últimos partidos -igual saldo que os coruñeses- e, concretamente, "vén de esmagar a Melilla por 95-80", subliñou Tito Díaz.

Isto fará que chegue á nosa cidade coa moral alta e motivado para cumprir o seu obxectivo de evitar o descenso, valéndose para iso do seu amplo plantel e alta rotación, desenvolvendo un xogo agresivo, con moitos uns contra uns e rompendo sistemas facilmente.

Pero os laranxas tamén teñen clara a súa meta, que é seguir pelexando por asegurar o playoff, polo que se augura un partido igualado e no que Tito Dïaz considera que segue sendo esencial xogar moi unidos, especialmente agora que é necesario compensar as baixas dos dous capitáns do equipo, xa que á de Ángel Hernández uniuse a de Jesús Castro por mor dunha microrrotura de sóleo sufrida durante a última disputa en Riazor.

"O xogo en equipo é o que nos permitiu estar onde estamos", manifestou o técnico, quen reiterou a súa chamada á afección para arroupar a unha plantilla curta en efectivos -nove, debido ás baixas- pero tremendamente xenerosa no xogo alegre e anotador e na conexión coa bancada.

Esta web emprega cookies. Se continúas navegando entendemos que aceptas a nosa Política de cookies.