Os laranxas logran unha segunda e valiosa vitoria consecutiva en casa

Vitoria importante do Leyma Básquet Coruña en casa e ante un rival directo, o Cáceres Patrimonio da Humanidade, que do mesmo xeito que a nosos pelexa por afastarse da parte baixa da táboa e achegarse aos postos de play off.

Os de Tito Díaz tardaron uns minutos en meterse no partido, cun marcador inicial de 9-20 claramente favorable a un conxunto visitante acertado nos triplos. Pero o desacerto dos laranxas liquidouse coas primeiras rotacións e coa superación do recordo do último partido, en Oviedo, onde a pesar da entrega e da concentración de todo o equipo perderan pola mínima nunha prórroga a cara ou cruz.

Este foi a análise de Tito Díaz nada máis acabar o encontro de onte en Riazor. Nas súas declaracións aos medios, valorou positivamente que o conxunto herculino superase o factor psicolóxico da última derrota e reaccionase crecendo en defensa e ritmo ofensivo, logrando acabar o primeiro cuarto cunha pequena vantaxe (22-20) e aumentando aos poucos as distancias, ata finalizar 10 puntos arriba (85-75), no que na súa opinión foi "unha vitoria traballada e merecida". Houbo erros polo camiño, que os visitantes aproveitaron para achegarse no marcador, pero sen que lograsen romper o dominio dos locais.

En liña coa súa valoración das últimas disputas, o técnico laranxa quixo destacar a achega de todos os xogadores, nun equipo que está unido e "que ten corazón". Recoñeceu que a derrota sufrida en casa ante as Penas Huesca na oitava xornada marcou un punto de inflexión, ao constatar como a falta de confianza levoulles a perder un partido que dominaran ata o último cuarto. Desde entón, o equipo creceu en madurez e seguridade, e Tito Díaz espera que os seus se manteñan nesta liña ascendente de face a dúas novas citas moi apertadas no calendario, este mércores a domicilio contra o Fútbol Club Barcelona Lassa ás 20:45 horas, e o domingo en casa contra o Planasa Navarra, ás 12:00 horas.

Esta web emprega cookies. Se continúas navegando entendemos que aceptas a nosa Política de cookies.