Os laranxas enfróntanse en Lleida ao equipo revelación da LEB Ouro

Mañá xoves o Leyma Coruña emprende unha longa viaxe a terra ilerdenses para disputar ao día seguinte, ás 21:00 horas, o seu partido de undécima xornada da LEB Ouro fronte ao Actel Força Lleida, un equipo que está a ser revelación da liga, tras quedar en posicións de descenso na pasada tempada.

Na roda previa ao encontro, Tito Díaz destaca o xogo espectacular do conxunto dirixido por Borja Comenge, "o que mellor baloncesto está a facer no inicio da liga", con moito dinamismo, coa implicación de todos os xogadores, cun ritmo difícil de defender e exercendo á súa vez unha moi boa defensa.

A saída da súa base Luka Rupnik cara a un equipo de ACB, o Fuenlabrada, parece non afectar moito a un rival que conta con sete vitorias do dez partidos celebrados, a pesar do difícil calendario que lles levou a competir con equipos como os de Melilla, Burgos, Palencia ou San Sebastián.

Ademais da chegada da base ex ACB Agustí Sans en substitución de Rupnik, o técnico laranxa destaca a xogadores como o escolta Garrett Nevels, que en 26 minutos de media por partido está a anotar preto dos 15 puntos, máis de 3 rebotes e de 2 asistencias, así como o veterano alero Miquel Feliu e o pivote Leo Demetrio, outra ex ACB que está promediando máis de 7 rebotes, dos cales máis de 3 son en ataque.

De face ao choque do venres, Tito Díaz pediu aos laranxas que saian á pista cun alto nivel defensivo que evite as altas puntuacións encaixadas nos dous últimos partidos, así como dar un paso adiante no rebote e nas perdas de balón.

Fronte a estes puntos débiles, o adestrador tamén quixo lembrar os datos positivos que arroxa o equipo, que ocupa o terceiro posto da liga en canto a anotación e valoración, con máis de 81 e 86 de media respectivamente, e que é o primeiro en asistencias, con máis de 17, o que demostra que "cando podemos facer o noso baloncesto conseguimos cousas, e cada vez máis". Novo reto, este venres no Barris Nord.

 

Esta web emprega cookies. Se continúas navegando entendemos que aceptas a nosa Política de cookies.