Os laranxas caen no Paco Paz ao perder fol en rebote e defensa

A pista do Paco Paz segue resistíndose ao Leyma Coruña, que esta noite non puido sumar a súa cuarta vitoria consecutiva, ao caer por 81-71 fronte ao Ourense Provincial Termal na súa casa. Os de Tito Díaz sufriron a falta de acerto no tiro desde o inicio do encontro e a efectividade dos cobistas para impedir o xogo rápido do seu rival, a propósito de que esa sería unha das claves para levar o partido.

Na rolda de prensa posterior ao choque, o técnico laranxa asegurou que na primeira parte os seus xogadores controlaron o ritmo, o rebote e o xogo defensivo, o que lles permitiu chegar ao descanso con lixeira vantaxe (29-32), a pesar de que o balón se resistía a entrar no aro. Un dominio do partido que perderon tras o paso por vestiario, mentres que os locais melloraban a súa efectividade para converter canastras. "Perdemos capacidade defensiva e rebote e iso fixo que perdésemos tamén ritmo, e sen ritmo non xogamos cómodos", recoñeceu Tito Díaz.

Aínda así, quixo destacar o esforzo do seu equipo para non irse do partido na segunda parte e para lograr achegarse de novo no marcador, aínda que algunhas perdas de balón e quizá o cansazo dificultaron chegar máis apertados á recta final. Neste sentido, lembrou a semana complicada vivida polo Leyma Coruña, xa que á saída de Dago Pena sumouse unha lesión de nocello de Josip Mikulic e a ausencia de Zach Monaghan nalgúns adestramentos debido á febre, manifestando a súa esperanza de poder reforzar o equipo cun novo xogador, "porque a liga se vai facendo longa". Tamén felicitou ao Ourense Provincia Termal por unha vitoria merecida na que fixeron valer o seu oficio e a calidade dos seus xogadores, e finalizou co seu desexo de que ambos os dous equipos galegos poidan verse na fase de playoff de ascenso á ACB.

Esta web emprega cookies. Se continúas navegando entendemos que aceptas a nosa Política de cookies.