Os laranxas abren o pano de Riazor con partido de Copa Galicia ante o Xuven Cambados

Chegou o día esperado polos afeccionados laranxas. Mañá sábado día 17 ás 19:00 horas o Leyma Coruña xogará o seu primeiro partido en casa tras o parón estival. Será en xornada de liguiña da Copa Galicia, fronte ao Xuven de Cambados, e como no resto de partidos de pretemporada, a entrada ao público é gratuíta.

Os coruñeses reencontraranse con Anxo Hernández, Sergio Olmos, Gediminas Zyle, Zach Monaghan, Dago Pena, Joan Creus e Larry Abia, o retornado Javi Lucas e os novos incorporados, Filip Djuran, Tautvydas Sabonis e Pablo Ferreiro, todos eles dispostos a seguir ofrecendo emocionantes veladas do mellor baloncesto laranxa.

O conxunto comandado por Tito Díaz encabeza a clasificación desta fase, na que compite co Café Candelas Breogán, o Ourense Provincia Termal, o Marín Peixegalego e o Xuven Cambados. Dos dous equipos que accedan á semifinal da Copa sairá o rival do Río Natura Monbus Obradoiro, clasificado automaticamente para xogar a final.

Desde o inicio do torneo o pasado 8 de setembro, o Leyma Coruña xogou e gañado dúas disputas, primeiro a domicilio contra o Marín Peixegalego (65-74) e onte en Cerceda contra o Ourense Provincia Termal (72-64), na que os laranxas foron locais.

A seguinte cita será contra o Café Candelas Breogán, o 22 de setembro en Ribadeo ás 20:00 horas. Os dous conxuntos que se clasifiquen para a semifinal enfrontaranse o sábado 24 no Pavillón Polideportivo Municipal de Noia. Ao día seguinte e na mesma cancha, o gañador loitará polo título na final contra o Obradoiro.

Mañá vémonos en Riazor #sentimientonaranja!

Esta web emprega cookies. Se continúas navegando entendemos que aceptas a nosa Política de cookies.