O Leyma Coruña volve medirse ao COB na semifinal de Copa Galicia, mañá en Noia

O último partido da fase previa da Copa Galicia saldouse onte á noite en Ribadeo cunha nova vitoria dos laranxas, que nestas semanas de competición deron mostra da súa maior rodaxe de pretemporada fronte a outros conxuntos galegos. Os de Tito Díaz dominaron a maior parte do encontro fronte ao Café Candelas Breogán, cun resultado final de 89-97 a favor dos herculinos.

Así as cousas, o Leyma Coruña prepárase para viaxar mañá sábado a Noia, onde saltará á pista do pavillón municipal como único equipo invicto da primeira rolda do torneo autonómico, con catro partidos xogados e gandos, pero co desgaste de disputar tres encontros nunha semana e sabendo que o venres 30 teñen a súa primeira cita da liga LEB Ouro en Huesca. Polo momento, toca renovar forzas de face ao partido de mañá ás 20:30 horas ante o Ourense Provincia Termal, co obxectivo de tentar meterse na final do día seguinte contra o Río Natura Monbus Obradoiro, en partido fixado para as 19:30 horas na mesma pista.