O Leyma Coruña paga o seu mal terceiro cuarto ante o COB, que leva o Teresa Herrera (72-85)

O Leyma Coruña non puido alzarse co triunfo na estrea ante a súa afección, no encontro de Teresa Herrera ante o COB Ourense (72-85).

O conxunto herculino tivo como baixas, ademais de con o lesionado Larry Abia, á súa nova fichaxe Quinton Stephens, que notou unhas molestias fortes nas costas durante o quecemento, que lle impediron competir.

Saíron mellor os coruñeses, con boa circulación de balón, aproveitando a envergadura de xogadores como Uchendu, onte o mellor do partido (15 puntos, 12 rebotes) e fóronse ao descanso cunha cómoda vantaxe (42-29), tras unha primeira parte que só tivo cor laranxa.

Todo cambiou tras o descanso e tras un parcial de 0-13, os ourensáns púñanse catro abaixo (49-45). Colapsaba o Leyma neste cuarto, fallando desde o tiro exterior e sen a circulación de balón da primeira parte. Froito de todo iso sufría un 15-29 de parcial e afrontaba o acto definitivo un abaixo (57-58).

Trataba de emendar os erros o conxunto laranxa no último período, pero a reacción non chegaba de concretarse e os coruñeses terminaban claudicando (72-85).

En definitiva, un encontro de pretemporada no que se viron vimbias do que pode ser o Leyma Coruña desta campaña 2018-19, pero con aínda cousas por puír. O partido, de entrada gratuíta e carácter benéfico, serviu, ademais, para recadar fondos para SOS Galicia e Fundación Juan Soñador.

O seguinte encontro amigable do Leyma Coruña será este sábado ás 19.30 horas ante o Oviedo Club Baloncesto no Pumarín.