O Leyma Coruña non puido lograr a segunda vitoria ante o Cáceres Patrimonio da Humanidade (80-61)

O Leyma Coruña sucumbiu ante o Cáceres Patrimonio da Humanidade (80-61) e non puido conseguir o seu segundo triunfo consecutivo do curso. A escuadra de Gustavo Aranza, que contou coas baixas dos lesionados Jonathan Gilling e Larry Abia, puido finalmente aliñar a tres dos xogadores que foron dúbida ata o último momento por molestias: Zach Monaghan, Sergio Olmos e Trevor Cooney.

Os dous conxuntos comezaron moi parellos, con anotacións moi baixas e problemas en labores ofensivos (16-12). No segundo cuarto, os locais estiveron máis acertados nesa parcela que os coruñeses, que se foron ao descanso dez abaixo (34-24).

Tras o paso por vestiarios chegou o peor cuarto dos laranxas que acumularon varios minutos sen anotar ante un Cáceres que cun parcial de 12-0 rompeu o partido (68-41). O último acto, o equipo de Ñete Bohigas só tivo que administrar a súa vantaxe. O conxunto herculino con senllos triplos de Monaghan e Sonseca maquillou o resultado.

O Leyma Coruña regresará a próxima xornada ao Palacio dos Deportes de Riazor para enfrontarse ás 21.00 horas o venres 17 ao Club Baloncesto Melilla.

Esta web emprega cookies. Se continúas navegando entendemos que aceptas a nosa Política de cookies.