O Leyma Coruña lanza a súa campaña de abonados para animar a bancada na segunda volta

Cando faltan dúas xornadas para finalizar a primeira volta da presente edición ligueira, o Leyma Coruña quere seguir crecendo na pista e na bancada, e contaxiar a paixón polo baloncesto a moitos veciños e veciñas da Coruña e a súa contorna.

Con este fin, o club baloncestístico acaba de lanzar a súa campaña de abonados para a segunda volta da competición, na que os prezos para gozar do baloncesto laranxa redúcense aproximadamente ao 60%, tendo en conta que hai un encontro máis que na primeira volta.

Así, o abono senior custará 60 euros, o familiar 100 euros e o especial a 35, mentres que os pais e nais dos xogadores/as do club pagarán 25 euros -individual- e 30 euros -parella-. A tarifa anual do abono senior é de 100 euros, mentres que a familiar, que inclúe dous adultos e fillos menores de 18 anos, é de 180 euros, e a especial, para menores de 25 anos, desempregados e persoas con discapacidade, é de 60 euros.

En todos os casos os prezos son válidos para tempada regular, sen incluír Día do Club nin partidos de Play Off. Pola súa banda, os xogadores e xogadoras de todos os equipos da base do club poden acceder gratis a todos os partidos do primeiro equipo, do mesmo xeito que os seus irmáns/as. E no que respecta aos ex xogadores/as, benefícianse dun 50% de desconto sobre os novos prezos.

As novas tarifas son de aplicación desde hoxe mesmo, incluindo por tanto o último partido de ida en Riazor, previsto para o martes 20 de decembro ás 20:30, no que o Leyma Coruña medirase ao equipo donostiarra RETAbet.es GBC.

Esta web emprega cookies. Se continúas navegando entendemos que aceptas a nosa Política de cookies.