O Leyma Coruña dedica o seu partido do martes en Riazor á Ciencia que traballa pola Paz

Con motivo do Día Mundial da Ciencia para a Paz e o Desenvolvemento que se celebra o próximo 10 de novembro, o Club Básquet Coruña e o MUNCYT decidiron unir forzas para concienciar á cidadanía sobre a importancia da ciencia na consecución da paz e o desenvolvemento social, especialmente no que incumbe á erradicación da pobreza e o fortalecemento da seguridade das persoas. Esta será a causa social á que o Leyma Coruña dedicará o seu partido deste martes no Palacio dos Deportes de Riazor ás 21:00 horas, oitava xornada de Liga, na que se enfrontará ao San Pablo Inmobiliaria Burgos.

Con este obxectivo, quen visiten o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía da Coruña desde mañá sábado ata o martes, tanto adultos como nenos, serán obsequiados cunha entrada ao devandito encontro. A iniciativa enmárcase no programa "17 partidos, 17 causas", que promove o Club Básquet Coruña coa colaboración da Obra Social ?a Caixa?. Nesta ocasión, unindo Ciencia e Deporte, a entidade baloncestística e o seu primeiro equipo o Leyma Coruña queren visibilizar, da man do MUNCYT, a necesidade de potenciar a actividade científica en beneficio do benestar e a convivencia pacífica das sociedades e as persoas, por encima de calquera outro interese.

Esta web emprega cookies. Se continúas navegando entendemos que aceptas a nosa Política de cookies.