O Leyma Coruña conquista unha valiosa e difícil vitoria en Burgos

O Leyma Coruña sumou unha valiosa vitoria esta noite na difícil pista do Plantío (86-89) ante un San Pablo Inmobiliaria Burgos que loitou ata o último momento por conservar o seu saldo de só dúas derrotas en casa, e a punto estivo de logralo cun errado triplo no último suspiro.

Pero o certo é que os laranxas foron máis sólidos durante a maior parte do encontro e o traballo de equipo logrou pór contra as cordas a un dos conxuntos aspirantes a liderar a táboa. En contadas ocasións os burgaleses lograron dar a volta ao marcador para porse timidamente por diante, axudados especialmente dun enorme Javi Veiga que anotou case unha trintena de puntos e que levou a máxima valoración do encontro.

Na rolda de prensa posterior ao duelo, Tito Díaz considerou xusta a vitoria do seu equipo ante unha das mellores escuadras desta liga, tendo en conta que prevaleceu o dominio dos coruñeses - que en varias ocasións estiveron máis de dez puntos arriba no luminoso-, que gañaron a batalla do rebote e que non viñeron abaixo cando no último cuarto os locais lograron dar a volta ao marcador. "Aí viuse a mellor versión do meu equipo", sinalou, "despois de haber ido gañando nós todo o partido non nos viñemos abaixo, tivemos cabeza, seguimos defendendo e xogando con bastante criterio en ataque e volvemos a pornos por arriba". Logo chegou un último minuto e medio algo caótico, onde a presión por gañar fixo que ambas as partes cometesen erros, pero que finalmente se decantou a favor do conxunto visitante.

A seguinte cita do Leyma Coruña será en Riazor este venres 3 de marzo ás 21:00 horas, e nesta ocasión o rival será o Cáceres Patrimonio da Humanidade. Queda unha semana por diante para seguir alimentando as boas sensacións vividas hoxe en Burgos e que os de Tito Díaz volvan facer gala do seu estilo de xogo. A afección axudará, sen dúbida.