O Leyma Coruña asina en Riazor o seu pase ao playoff de ascenso a ACB

Esta noite os laranxas tiñan na súa man clasificarse matematicamente á fase de playoff de ascenso á ACB e non deixaron escapar a oportunidade. En Riazor e arroupados pola súa afección, venceron por 89-76 a un TAU Castelló que aínda que foi por detrás do marcador na maior parte do encontro, tivo opcións de augar a festa aos locais.

Así o daba a entender Tito Díaz na rolda de prensa posterior, na que recoñeceu que os laranxas tiveron dúas fases boas de defensa, ritmo e fluidez ofensiva que contrarrestaron con outras de lagoas defensivas e paróns en ataque, algo que sucedeu xusto en momentos de clara vantaxe local no luminoso durante o segundo e terceiro cuarto, e que os castellonencos aproveitaron para acurtar distancias e meterse de novo no partido.

Pero, tal e como destacou o preparador laranxa, foi precisamente neses momentos máis complicados do choque "cando de novo sacamos o mellor de nós mesmos", mellorando atrás e no rebote, e armándose de paciencia para lograr sortear a defensa de zona dos castellonencos, aquela que "o pasado ano custounos o partido e perdemos aquí contra eles", lembrou.

Perico Díaz mostrouse satisfeito porque "o equipo refíxose, con este partido salvamos unha situación moi difícil de fai quince días", en referencia á ampla derrota en Lugo, á que seguiu outra fronte a Oviedo en Riazor, e a difícil saída ao Prat, que acabou en vitoria. Neste sentido, recoñeceu que hoxe brillaran xogadores como Kyle Rowley e Filip Djuran, "pero fai catro días foron Justin, Zach e o extraordinario traballo defensivo de Javi, e hoxe o de Ángel", quixo subliñar, en relación á importancia de contar cun persoal longo na que todos achegan e na que a baza das rotacións permitiralles chegar en boas condicións á fase de playoff.

Antes quedan dous encontros fronte a dous equipos dos grandes, o Retabet.es GBC e o Club Melilla Baloncesto, e Perico Díaz non quere relaxación: "imos botar o resto en San Sebastián", dixo en referencia ao próximo choque, "sairemos a por o partido porque está na nosa man a posibilidade de ser sextos e queremos tentar quedar o máis arriba posible".

Esta web emprega cookies. Se continúas navegando entendemos que aceptas a nosa Política de cookies.