O Leyma Coruña álzase co título de Campión de Copa Galicia LEB

A pesar de ser pretemporada, a estrea do título de Copa Galicia en categoría LEB e un derbi, sempre xeran maior cosquilleo á hora de disputarse. E esta ocasión non ía ser menos. O encontro fronte a COB comezou lento con numerosas faltas e escaso movemento na cancha. A igualdade foi total durante o primeiro cuarto, pero tres triplos case seguidos dos laranxas, marcaban a primeira vantaxe.

A partir dese momento, o Leyma Coruña mantívose arriba no marcador durante o resto do encontro, aumentando a súa vantaxe en maior ou menor medida, por refachos anotadores. De novo a superioridade en rebote foi clave para guiar ao equipo durante o partido. A boa circulación de balón xunto co alto nivel en defensa foron de novo claves para obter a vitoria. Terceira en pretemporada.

Así, o Leyma Coruña convértese en Campión de Copa Galicia LEB, 25 anos despois do seu nacemento, e 25 anos máis tarde desde que obtivo ese título, o primeiro e único do club, ata este momento.

Resultados por cuartos: 25-19/42-33/65-50/84-73.