O Leyma Básquet Coruña presenta o seu segundo equipamento coas cores branquiazuis do Dépor

O presidente do Leyma Básquet Coruña, Juan Carlos Fernández, e o conselleiro da área social do Real Club Deportivo de La Coruña, Martín Pita , presentaron esta mañá no Mundo do Fútbol en Abegondo o segundo equipamento do equipo LEB Ouro para esta tempada 2015-2016 e que levará as cores branquiazuis que son sinal de identidade do Dépor e da cidade da Coruña.

Os xogadores Larry Abia e Vladi Orlov vestiron o novo equipamento do Leyma Básquet Coruña coa que se pretende simbolizar o irmandamento entre dúas entidades e dúas afeccións unidas polo amor ao deporte e á urbe que as acolle.
No acto de presentación, Juan Carlos Fernández agradeceu ao Real Club Deportivo da Coruña o seu apoio á entidade baloncestística e á promoción do deporte, destacando a importancia de aproveitar sinerxías entre as diversas modalidades, o que redunda en beneficio da afección e a cidade, impulsando a convivencia social e a dinamización económica.
Froito desta colaboración entre ambos os clubs, nesta tempada os seguidores do Dépor e do Leyma Básquet Coruña gozan de descontos cruzados nos abonos.

Domingo de fútbol e baloncesto en Riazor

Na mesma liña enmárcase a tarde deportiva que coruñeses e visitantes poderán gozar mañá domingo en Riazor, comezando polo partido do Dépor contra o Espanyol ás 16:00 horas e enlazando co duelo do Leyma Básquet Coruña contra o Ourense ás 18:00 horas.

Con este choque, correspondente ao XXIX Trofeo Teresa Herrera de Baloncesto e cuxa entrada é gratuíta grazas ao patrocinio de Leyma, os de Tito Díaz finalizan os partidos de pretemporada e prepáranse para estrear a nova tempada da liga LEB Ouro xogando en casa o venres 2 de outubro contra o Palencia.