O Leyma Básquet Coruña mostra que é capaz de gañar partidos con finais igualados

Dobre triplete: o Leyma Básquet Coruña gañou hoxe o seu terceiro partido consecutivo en casa e tamén por primeira vez suma tres vitorias encadeadas, despois de dez intensos días de competición nos que se mediu fronte aos equipos de Cáceres, Barcelona e Navarra.

Esta mañá os laranxas demostraron á afección e a si mesmos que son capaces de gañar finais igualados, tal e como destacou Tito Díaz ao finalizar o partido. O adestrador do equipo herculino recoñeceu que os seus notaran o desgaste do apertado calendario e quizá por iso baixaran un pouco no ritmo con respecto a xornadas anteriores. Pero, no seu favor subliñou que o choque fora ?máis serio? e que os coruñeses souberan controlar á peza crave dos navarros, o pivote Oliver Arteaga, ademais de exercer un bo control do rebote e unha boa defensa, especialmente na segunda parte.

Todo iso foi posible grazas ao traballo en equipo que está a desenvolver o Leyma Básquet Coruña cada vez con maior efectividade. Nesta ocasión, Tito Díaz quixo destacar as achegas de Joan Creus, Sergio Olmos, Larry Abia e Anxo Hernández, así como o mérito dun equipo que soubo salvar o duro inicio de tempada, cunha vitoria e sete derrotas, a base de seguir adestrando ao cento por cento e non ceder ao desalento.

Agora toca un merecido descanso co agasallo do Nadal adiantado dunhas vitorias merecidas e gañar# con suor. O regreso á competición será o 30 de decembro con partido a domicilio contra o Actel Força Lleida, último choque da primeira volta da liga. Queda moita LEB Ouro por gozar.

Esta web emprega cookies. Se continúas navegando entendemos que aceptas a nosa Política de cookies.