O Derby vaise para Ourense (63-70)

O partido non comezou ben para os nosos, e o COB pronto logrou as primeiras vantaxes no marcador, o que obrigou a Perico Diaz solicitar o primeiro tempo morto. Tras este tempo morto os nosos lograron reaccionar e collerlle novamente o pulso ao partido terminando o primeiro cuarto con certa melloría no xogo con respecto aos primeiros minutos do partido. 13 a 17 foi o resultado ao termo deste primeiro período.

No segundo período os laranxas continuaron coa melloría no xogo mostrada durante os últimos minutos do cuarto anterior, recuperaron o control do rebote defensivo e lograban porse por diante no marcador alcanzando incluso unha vantaxe de 7 puntos a falta de 2 minutos para o descanso, con todo, o desacerto mostrado nestes últimos compases, supuxo que o COB volvese engancharse ao marcador e lograse empatar o partido antes do descanso.

Tras o paso polos vestiarios, o COB mostrou a súa mellor cara e o Leyma volveu evidenciar problemas para o control do rebote no seu aro, o que permitía aos visitantes segundas e terceiras opcións e atopar así certa fluidez na anotación. Pola súa banda o Leyma mostrábase fallón en tiros de campo, así como nos tiros libres. Alcanzaba así o COB os 6 puntos de vantaxe ao termo do período.

Con 6 puntos de desvantaxe o Leyma comezaba o último período con ganas de darlle a volta ao partido, pero a experiencia e o acerto do COB nos momentos craves fixeron imposible a xesta e fixeron que a vitoria neste derby viaxase para Ourense.

A próxima xornada, os nosos desprazaranse a Mallorca para enfrontarse á Palma Air Europa, o partido disputarase o sábado ás 20.30.

LEYMA BÁSQUET CORUÑA 63: Laszlo Dobbos (4), Anxo Hernández (5), Larry Abia (5), Aleksander Petrovic (4) e Jesús Castro (13) -cinco inicial-. Tamén xogaron: Kyle Rowley (4), Beka Burjanadze (7), Daniel Vujasinovic (4), Khalid Mutakabbir (14) e Albert Homs (3).

CLUB OURENSE BALONCESTO 70: Salva Arco (11), Pedro Rivero (17), Edu Martínez (0), Bernard Fieler (15) e Deividas Busma (14) -cinco inicial-. Tamén xogaron: Tyler Brown (0), Cristian Díaz (1), Ben Allison (0), Guillermo Rejón (10) e Marcos Suka (2). 

Acceder ás estadísitias do partido facendo click aquí. 

 

Esta web emprega cookies. Se continúas navegando entendemos que aceptas a nosa Política de cookies.