O Club Leyma Básquet Coruña aposta por adestradores da casa para os seus equipos cadetes

Dous cadetes femininos e catro cadetes masculinos son os equipos que conforman esta categoría dentro do noso club e que esta tempada estarán dirixidos por adestradores que xa coñecen a casa e mesmo que traballaron xa cos nenos e nenas destas xeracións en diferentes tempadas.

Cadete feminino

O primeiro equipo estará dirixido por Carlos Penedo, adestrador superior recentemente titulado. Novo pero con experiencia no club, e a experiencia dun par de anos adestrando en Cataluña na Unión Esportiva d´Horta. Penedo adestrou a campaña pasada ao primeiro cadete masculino de primeiro ano, ao que non abandona, senón que compatibilizará a dirección de ambos os equipos. Os dous cun mesmo obxectivo; xogar en setembro a fase de clasificación para a liga de 1º División.

O 2º cadete feminino estará ás ordes de Edda Beltrán, outra das nosas adestradoras da casa. Doutora en Educación Física e Adestradora Superior, Edda é unha das artífices do aumento de licenzas femininas nas categorías de base do club contaxiando ás nenas a súa paixón por este deporte desde pequenas. A tempada pasada estivo a adestrar ao infantil feminino de 1ª división. Este 2017/2018 competirá co cadete na liga local de 2ª división.

Cadete masculino

O primeiro equipo estará dirixido por Carlos Penedo. Segundo ano ao cargo desta xeración á que coñece e á que pode continuar formando.

David Varela, adestrador con título de primeiro nivel, será o encargado de adestrar aos mozos do 2º cadete masculino, o que formarán os xogadores nados en 2003. Parte coa vantaxe de que viu a evolución da maioría dos mozos que conforman este equipo xa que coincidiu con esta xeración no primeiro ano de minibásquet e no seu primeiro ano infantil. Outro adestrador cun gran coñecemento da canteira nos máis de cinco anos que leva no club.

O 3º cadete masculino será dirixido por un adestrador con título de 2º nivel, Javi Pombo, que conta xa con máis dun lustro no Básquet Coruña, e coñece a base á perfección. Competirá na liga local de 2ª División Cadete Masculina.

Queda por concretar o nome do adestrador do 4º cadete masculino aínda que entre os desexos do club está que Toni Amado, técnico deste equipo nas últimas campañas, e gran responsable da súa evolución, siga con el. A decisión será en base á compatibilidade laboral de Toni.

Experiencia, coñecemento, motivación e entusiasmo son catro características básicas dos nosos adestradores para levar a cabo o gran traballo que realizan coa canteira.

Desexámoslles a todos, unha tempada chea de éxitos e de moita aprendizaxe.

Esta web emprega cookies. Se continúas navegando entendemos que aceptas a nosa Política de cookies.