Co fin de que os nosos baloncestistas máis novos comecen a experimentar este deporte na súa vertente competitiva, o Club Leyma Básquet Coruña organiza dous ?Encontros de escolas?, no que todos os nenos e nenas das 9 escolas do club están convidados a participar.
O primeiro deles terá lugar este sábado 30 de xaneiro no pavillón da Normal (Paseo de Rolda, 47). O club deseñou unha intensa e divertida mañá de baloncesto, na que os asistentes terán a oportunidade de disputar varios partidos para pór en práctica o aprendido ata agora, ademais de participar en diversos concursos.
O horario da actividade será de 10:00 a 13:00 e os participantes estarán acompañados polos seus adestradores e polos colaboradores do encontro. Recoméndase que cada neno/a leve unha mochila para gardar a súa roupa e unha botella de auga. No caso de que se dispoña de chándal do colexio usarase como equipamento de xogo.
O próximo ?Encontro de escolas? non se fará esperar moito. A nova cita terá lugar o mércores 17 de febreiro en Expocoruña, na Fan Zone que está previsto instalar con motivo da celebración na nosa cidade da Copa do Rei de baloncesto, o gran torneo cuxos partidos se disputarán no Coliseum do 17 ao 21 de febreiro.