O club colabora con dous institutos para favorecer a inclusión a través do baloncesto

Os institutos de educación secundaria Urbano Lugrís e Otero Pedrayo chegaron a un acordo de colaboración co Club Básquet Coruña dirixido a favorecer a igualdade de oportunidades e a inclusión social a través do fomento do deporte basee.

Concretamente, búscase facilitar a participación de alumnos e alumnas de ambos os centros nos equipos do club baloncestístico naqueles casos de maior vulnerabilidade socioeconómica, para o que tanto o club como os centros sufragan unha parte do custo económico que doutro xeito deberían asumir integramente as familias. 

Este proxecto enmárcase dentro das actividades que o Club Básquet Coruña desenvolve ao amparo da Fundación Emalcsa na súa convocatoria de deporte solidario e inclusivo, un programa que fomenta o uso da actividade deportiva como instrumento de intervención social.

Ademais, a colaboración entre a entidade deportiva e os centros educativos permite ao primeiro alugar os pavillóns de ambos os institutos como lugar de adestramento dos seus equipos basee, mentres que os estudantes do Urbano Lugrís e Otero Pedrayo interesados en practicar baloncesto benefícianse dunha bonificación na cota correspondente do club.