O Club Básquet Coruña pon en marcha novas edicións dos seus campus de verán

Achégase o fin do curso escolar e as vacacións de verán e, como xa é habitual nestas datas, o Club Básquet Coruña anuncia a celebración dos seus campamentos deportivos, o XXI Campus Milenium e o Campus de Tecnificación 2016. No primeiro caso, esta oferta de lecer educativo combina a aprendizaxe e a práctica do baloncesto con outras actividades multideportivas e lúdicas, mentres que o segundo diríxese a mozos xogadores e xogadoras especialmente interesados en mellorar a súa actual destreza técnica no deporte da canastra.

O XXI Campus Milenium desenvolverase desde o luns 27 de xuño ata o venres 8 de xullo en horario de 9:00 a 18:00 ?excepto o sábado 2 e o domingo 3- e é apto para todos os nenos e nenas de 5 a 15 anos (nacidos entre 2000 e 2011) que queiran divertirse e aprender, organizados por grupos de idade e niveis homoxéneos.

As instalacións do Polideportivo Agra 2 e A Normal ?antiga Escola de Maxisterio- albergarán boa parte do programa e tamén se realizarán varias saídas para realizar actividades especiais noutras localizacións.

Un día no Campus Milenium

Cada xornada consta de catro bloques de actividade. Dous deles son de baloncesto, distribuídos en horario de mañá e tarde, con contidos de aprendizaxe no primeiro caso e de carácter máis lúdico ao final do día. Os outros dous bloques son recreativos, con actividades ao aire libre, piscina, canoas, escalada, talleres, visitas, etc. O campamento inclúe tamén xornadas especiais con excursión dun día completo.

A inscrición no Campus Milenium pode realizarse polo dez días completos de duración da actividade cun custo de 220 euros, incluíndo comida e merenda. Ofértase tamén un servizo opcional de autobús cun custo de 50 euros.

Campus de Tecnificación 2016

O Campus de Tecnificación celébrase nas semanas do 11 ao 15 de xullo e do 18 ao 22, en horario de mañá, de luns a venres. A inscrición por cada semana ten un custo de 100 euros. Os prezos dos servizos opcionais de comida e transporte son, respectivamente, 30 e 25 euros cada semana.

Todos os xogadores do Club Básquet Coruña, así como as súas escolas vinculadas teñen dereito a un prezo reducido. Ademais, aquelas familias que inscriban a máis dun participante terán un desconto do 10% na matrícula a partir do segundo irmán.

Os interesados en obter máis información sobre os campus do Club Básquet Coruña poden dirixirse ao teléfono da entidade -981 264 022- ou ao seu correo club@basquetcoruna.com. As inscricións xa se poden formalizar presencialmente nas oficinas do club en Arquitecto Rei Pedreira 3, ou ben on-line na web basquetcoruna.com a partir do próximo xoves.