O Club Básquet Coruña lanza a súa campaña de abonos para a tempada 2016/2017

Tras unha brillante tempada do primeiro equipo, incluídos os apaixonantes playoff de ascenso á ACB vividos nas últimas semanas, o Club Básquet Coruña pon en marcha a súa nova campaña de abonos para que A Coruña siga gozando do espectáculo do baloncesto de alta competición e volva mostrar en Riazor o seu apoio e identificación co sentimento laranxa que encarna o equipo da súa cidade.

Entre as novidades para a tempada 2016/2017 figuran a bonificación de prezos para quen compren os abonos antes do 16 de xullo, así como a posibilidade para os socios de que reserven o seu asento no pavillón para toda a tempada.

Prezos socios e abonados

Os diversos tipos de abonos teñen unha bonificación se se adquiren antes do 16 de xullo. Así, o abono familiar, que inclúe a dous adultos e os fillos menores de 18 anos, pode adquirirse antes desa data por 150 euros, o abono senior -de 25 anos en diante- por 90 euros, e o especial -menores de 25 anos, desempregados, discapacitados- por 50 euros.

Desde o 16 de xullo en diante, os prezos destes abonos son 180 euros para o familiar, 100 euros para o senior e 60 euros para o especial.

Estes prezos son válidos para os partidos en casa durante a tempada regular, sen incluír Día do Club e Play-Off.
No caso dos socios, tanto as altas como as renovacións teñen un prezo de 150 euros para o primeiro carné, coa opción de recibir un segundo carné de cortesía por un total de 200 euros. Ademais dos encontros da tempada regular, a condición de socio dá dereito a presenciar as disputas dos Días do Club e dos Play-Off, así como a participar nas asembleas da entidade deportiva.

No mes de setembro o Club Básquet Coruña contactará con socios e abonados para facerlles entrega dos seus respectivos pases. En recoñecemento pola súa fidelidade ao sentimento laranxa, quen renoven a súa condición de socios ou abonados recibirán como regalo unha bufanda da nova tempada.

Prezos para deportistas e familiares

Os deportistas do club e os seus familiares reciben un trato especial, de modo que a entrada aos partidos é gratuíta para todos os xogadores da base. No caso das súas familias, o primeiro carné de adulto -pai ou nai- é de 40 euros e o segundo de 20 euros, e os irmáns/as entran gratis, do mesmo xeito que os xogadores/as. En canto aos ex xogadores/as de calquera categoría, aplícaselles unha rebaixa do 50% na tarifa que corresponda.

Tanto as renovacións e altas como socio así como a compra de abonos poden realizarse xa a través do teléfono 981 264 022, o correo club@basquetcoruna.com e nas oficinas do Club, en cálea Arquitecto Rei Pedreira 3, baixo. A partir de finais da próxima estes mesmos trámites poderán realizarse on-line, na web do club www.basquetcoruna.com

Esta web emprega cookies. Se continúas navegando entendemos que aceptas a nosa Política de cookies.