Unha tempada máis, a Obra Social ?a Caixa? renovou o seu apoio ao labor solidario que o Club Básquet Coruña desenvolve a través do seu programa 15 Partidos 15 Causas, co que a entidade baloncestística colabora coas entidades non lucrativas da cidade que traballan en favor dunha sociedade máis xusta e en mellorar as condicións de vida dos colectivos máis vulnerables.
Grazas ao convenio asinado entre Juan Ignacio Domínguez, director de Banca Retail de CaixaBank en Galicia, e Juan Carlos Fernández, presidente do Club Básquet Coruña, a entidade deportiva continúa sumando forzas co terceiro sector, á vez que fomenta os valores sociais entre os xogadores de todas as categorías do club, con iniciativas como o programa educativo Básquets polo que os máis novos son motivados no desenvolvemento de comportamentos solidarios, de compañeirismo e de esforzo académico por encima dos resultados da competición deportiva.
15 Partidos 15 Causas
Cada xornada LEB Ouro que o Leyma Básquet Coruña xoga en casa dedícase a unha causa social á que se rende homenaxe durante o descanso do partido e cuxa actividade se difunde nos medios de comunicación. A entidade protagonista recibe o apoio do club mediante a colaboración en campañas e accións de concienciación e recadación de fondos, así como mediante a visita de xogadores do primeiro equipo ás súas instalacións ou eventos.
Entre as organizacións non lucrativas que se beneficiaron deste proxecto durante a pasada tempada figuran algunhas que centran os seus esforzos en enfermidades como o cancro, a diabetes, o alzheimer ou a síndrome de Down, así como outras dedicadas á axuda a colectivos vulnerables debido ás súas carencias culturais, afectivas ou económicas, entre outras, tanto na área metropolitana da Coruña como en diversos recunchos do mundo.