Novas visitas da xogadores LEB Ouro a colexios con gancho

Antes de comezar a apertada axenda dos playoff de ascenso á ACB, os xogadores do Leyma Coruña continuaron as súas visitas a centros escolares da cidade e a súa contorna, dentro do seu programa de promoción do deporte da canastra "Colexios con gancho".

Nesta ocasión, nenos e nenas do CEIP de Zalaeta gozaron da charla e o xogo en compañía de Sergio Olmos, Zach Monaghan e Gedeminas Zyle, e outro tanto fixeron Javi Lucas, Tuti Sabonis e o noso capi Anxo Hernández durante a súa estancia no Colexio Esclavas, nas inmediacións do Pazo dos Deportes de Riazor.

Uns e outros compartiron cos escolares as súas experiencias vitais e deportivas, do mesmo xeito que fixeron en semanas anteriores no IES María Casares, Colexio Santo Domingo FESD (Dominicos), Colexio de Fomento Montespiño, Artai e CEIP Wenceslao Fernández Flores.

Con estas visitas, o Club quere axudar á formación dos máis novos a través de exemplo dos xogadores do Leyma Coruña, xa que a pesar das moitas horas que dedicaron na súa vida ao baloncesto non descoidaron os seus estudos, sendo boa parte deles licenciados e diplomados en diversas disciplinas, o que lles converte nun modelo para os mozos en idade escolar. Nestas visitas transmiten as súas experiencias deportivas e de superación persoal, as súas diferentes nacionalidades, idiomas e culturas, circunstancias todas elas que, lonxe de dificultar a convivencia, son unha fonte de aprendizaxe, enriquecemento persoal e respecto, que lles axudan a comportarse como un equipo e unha familia.

Ademais do intre de charla e conversación cos escolares, a segunda parte das visitas dedícase a compartir un bo intre de xogos no pavillón ou a pista do centro, como mellor mostra de que o baloncesto é fonte de saúde e de crecemento nos valores sociais para a convivencia e a igualdade.

Finalmente, todos os participantes reciben unha entrada para o seguinte partido do Leyma Coruña en Riazor. Cada unha desas entradas de público infantil dá dereito a retirar unha máis en despacho de billetes o día do partido, ben de adulto ou ben outra para menores de 18 anos.