Kadre Gray, nova incorporación do Leyma Coruña

A Coruña 22 de Xullo de 2021. O Basquet Coruña SAD anuncia a contratación de Kadre Gray (186 cm, 23 anos) para a tempada 2021-22. Trátase dunha das maiores promesas do baloncesto canadense, que nestes momentos está a disputar o campionato CEBL no seu país co equipo Ottawa Blackjacks, e para o que o Leyma será a súa primeira experiencia internacional.

Gray formouse na universidade canadense de Laurent, onde destacou a nivel deportivo e académico, sendo elixido entre os 8 atletas canadenses mais destacados en 2019-2020 pola combinación dos seus logros académicos e deportivos. No plano puramente deportivo, e durante os seus 4 anos de universidade (2016/17 a 2019/20), foi o máximo anotador da competición durante 3 tempadas consecutivas e obtivo numerosos galardóns individuais como o de Novato do ano (2016/17), Mellor Xogador da Tempada (2016/17, 2017/18 e 2018/19) e membro do Quinteto Ideal (2017/18, 2018/19 e 2019/20). As súas medias universitarias tras disputar 81 partidos foron 25,6 puntos, 7,0 rebotes e 5,9 asistencias en 33,6 minutos. As súas grandes cualidades servíronlle para debutar na selección absoluta do seu país en 2020.

Actualmente Gray está a xogar na liga CEBL co equipo de Ottawa Blackjacks. A CEBL é unha liga profesional canadense creada hai 3 anos co obxectivo é promocionar o deporte do baloncesto en Canadá e servir de escaparate para captar a atención de clubs estranxeiros sobre os mellores xogadores dese país. Numerosos xogadores coñecidos polos afeccionados á Leb OURO participan este ano nesa liga: Mathieu Kamba (exjugador do Leyma), Kimbal MacKenzie (Huesca), Kris Joseph (Tizona Burgos e compañeiro actual de Gray en Ottawa Blackjacks),? Nos 8 partidos disputados ata a data Gray promedia 15.4 puntos con 42.5% acerto en T3, 4.0 asistencias e 5.3 rebotes en 31 minutos de xogo.

Gray é un xogador que se incorpora ao Leyma para acompañar a Zach Monaghan na posición de escolta, que destaca pola súa gran capacidade de desborde no 1x1 e facilidade para penetrar a canastra. Participa en todo tipo de accións de xogo, recollendo os rebotes soltos en aro defensivo e buscando e asistindo aos compañeiros en boas posicións de tiro. Ten un bo tiro de 3 puntos e unha alta porcentaxe en tiros libres, liña á que acode con asiduidade polas faltas que recibe tras as súas penetracións a canastra.

Desde o Básquet Coruña S.A.D. queremos trasladar ao xogador a nosa satisfacción pola súa incorporación ao noso club, desexamos que se adapte pronto á nosa cidade e a esixente competición da Leb Ouro, e que teña moita sorte na tempada. Estamos seguros de que a afección laranxa acollerao con moito agarimo, e gozará do seu xogo e de grandes partidos cada xornada en #OFornoDeRiazor.

Campaña de Abonados ? Período Bonificado (ata 31/07)
Así mesmo, lembramos que se atopa aberto a campaña de abonos para a tempada 21/22, con interesantes vantaxes (pago en 2 prazos, prioridade asignación de butacas) e descontos en todas as localidades (ademais de incluír os abonos familiares estendidos aos avós) se se formaliza a subscrición antes do 31 de xullo. Pódese realizar a través da páxina web do Club www.basquetcoruna.com ou na oficina de Arquitecto Rei Pedreira 3, A Coruña. Teléfono; 981264022.

Esta web emprega cookies. Se continúas navegando entendemos que aceptas a nosa Política de cookies.