Justin Johnson xa é laranxa

O escolta estadounidense Justin Johnson xa está ás ordes do adestrador do noso primeiro equipo Tito Díaz. Logo de chegar onte á noite á nosa cidade, esta mañá pasou o correspondente recoñecemento médico no Centro Médico Quirónsalud A Coruña mediante analítica completa, exploración cardiológica e consulta médica.

Pola tarde, Johnson incorporouse á dinámica habitual de adestramento do Leyma Coruña baixo as ordes de Perico Díaz, quen describiu á nova fichaxe laranxa como "un escolta rápido, agresivo e anotador, con moita capacidade para o un contra un e que ademais pode xogar de base no campo". Na súa opinión, Justin pode encaixar moi ben no estilo de xogo do conxunto coruñés e axudar por tanto a lograr o obxectivo de entrar nos playoff de ascenso á ACB, na edición ligueira máis igualada das últimas tempadas.

Pola súa banda, o capitán Anxo Hernández asegurou que o estadounidense contará con todo o apoio dos seus novos compañeiros "para que se axuste canto antes á nosa idea de xogo", co convencemento de que a súa achega será positiva para afrontar o final de tempada.

Desde estas liñas damos a Justin a benvida de afección e club ao sentimento laranxa!

Esta web emprega cookies. Se continúas navegando entendemos que aceptas a nosa Política de cookies.