Javier Orosa, nas xornadas

Este domingo 21 de maio terá lugar unha nova sesión das Xornadas de Formación para Adestradores organizadas polo Club Básquet Coruña baixo o título "E ti como adestras?".

A cita é ás 19:00 horas na Polideportiva de Riazor 1 e nesta ocasión o relator é o técnico Javier Orosa, quen falará sobre "Pintura Barroca Holandesa: metodoloxía de adestramento para categorías de formación", seguindo coa temática elixida para todo o ciclo na presente tempada, centrada en todos os aspectos que incumben aos primeiros anos de preparación das novas xeracións de xogadores e xogadoras que se inician no deporte da canastra.

As xornadas están abertas a todos os adestradores e adestradoras de baloncesto da Coruña e de Galicia en xeral. Así mesmo, poden asistir afeccionados que desexen profundar nos temas abordados, do mesmo xeito que técnicos doutras modalidades deportivas. A Federación Galega de Baloncesto outorga 3 horas de formación por xornada aos participantes en proceso de obtención dalgún dos títulos de adestrador desta disciplina deportiva.

Para asistir, tan só é necesario comunicalo previamente ao club, enviando un correo á dirección club@basquetcoruna.com

Con este ciclo, que conta co apoio da Fundación Emalcsa, o Club Básquet Coruña pretende favorecer a formación dos seus adestradores/as e abrirse á colaboración con outras entidades deportivas, ofrecendo un foro estable no que compartir coñecementos e experiencias da man de profesionais de prestixio, co fin último de contribuír ao progreso do deporte galego mediante a cualificación dos seus técnicos. Tamén se busca aproveitar sinerxías coa Federación Galega de Baloncesto e entre os propios clubs.

Tras a charla deste domingo celebrarase unha sesión o 18 de xuño -tema e experto pendentes de confirmación- coa que se clausurará a presente edición das Xornadas.

Esta web emprega cookies. Se continúas navegando entendemos que aceptas a nosa Política de cookies.