Gaizka Maiza e Pablo Ferreiro, un ano máis en Leyma Coruña

A Coruña, a 18 de agosto de 2020.

O Club Básquet Coruña SAD anuncia a continuidade das bases Gaizka Maiza e Pablo Ferreiro para a tempada 2020/21, oficializando deste xeito as renovacións que xa se pecharon o pasado mes de xuño.

Para Gaizka Maiza será a súa segunda tempada no Leyma Basquet Coruña tras unha primeira tempada na que participou en todos os encontros e na que foi adquirindo confianza no seu xogo xornada tras xornada. Para a tempada 2020/21 e xa cun mellor coñecemento do club e dunha parte dos seus compañeiros, o club espera que Gaizka ofreza a súa mellor versión desde o arranque da competición e contribúa co seu xogo a axudar ao equipo a aspirar a ocupar as prazas nobres da competición.

Pablo Ferreiro pola súa banda, afronta a súa 5ª tempada no club, que será sen ningunha dúbida a tempada máis esixente e competitiva de todas as que viviu ata agora, cun nivel baloncestístico elevado no persoal e onde estará moi caro dispor de minutos. Pablo nestes anos demostrou o seu carácter resiliente e a súa gran profesionalidade, e sen dispor de moitas oportunidades, estivo sempre preparado e dispoñible para o que o equipo necesitase del, tanto empregándose a fondo en defensa como en ataque deixando asistencias e penetracións a canastra de alta calidade.

O club quere desexar a ambos os xogadores moita sorte na nova tempada, que será sen ningunha dúbida dun alto nivel de esixencia para ambos pois as expectativas en torno ao equipo formado son altas, e á que desexamos que ambos acheguen as súas capacidades e cualidades para contribuír a satisfacelas e facer gozar á afección laranxa en #OFornoDe Riazor.