O Club Básquet Coruña anuncia a incorporación do escolta Filip Djuran como novo xogador do equipo LEB Ouro. De nacionalidade serbia e 25 anos de idade, Djuran procede das filas do equipo sueco KFUM Nassjo Basket, país onde xogou ao primeiro nivel, do mesmo xeito que en Portugal e no seu país de orixe.
Trátase dun escolta alto, cun gran rango de tiro de tres puntos. Ademais das súas cualidades como anotador, sobe o balón se é necesario e é un bo pasador. Os seus 196 centímetros de altura danlle moita vantaxe para xogar no poste baixo, recurso que usa con asiduidade. Así mesmo, esta envergadura axúdalle a ser importante no rebote e non lle impide defender a escoltas máis pequenos.
A nova fichaxe do Leyma Coruña vén substituír a Ben Stelzer, quen finalmente renunciou ao seu contrato co club herculino para permanecer no seu país por motivos persoais e por mor dunha oportunidade laboral pola que decidiu deixar de ser xogador profesional.
Filip Djuran súmase así a un persoal polo momento integrado por seis xogadores renovados da pasada tempada -Gediminas Zyle, Zach Monaghan, Anxo Hernández, Sergio Olmos, Dago Pena e Joan Creus- e tres incorporacións, a do propio Djuran así como as de Tautvydas Sabonis e Javi Lucas, todos eles ás ordes do equipo técnico comandado por Tito Díaz.
Traxectoria deportiva e estatísticas 2015-2016:
2009-2013: Radnicki Basket, Serbia
2013-2014: OKK Beograd, Serbia
2014-2015: Barcelos, Portugal
2015-2016: KFUM Nassjo Basket, Suecia
As súas estatísticas na liga regular da tempada 2015 -16 co KFUM Nassjo, en 32 partidos e 29 minutos por partido, son as seguintes: 13 Puntos, 3 Rebotes, 2 Asistencias, (42 % T.2 ), (38 % T.3), (85% T.L.), 9 Valoración.