Este fin de semana o Leyma non disputa ningún partido

A configuración cun número de equipos impar fai que o Leyma descanse este fin de semana. Un fin de semana no que o resto de equipos disputarán a 21ª xornada da liga Adecco Leb Ouro.

Tras a derrota do pasado domingo  fronte ao Ribeira Sacra Breogán, o Leyma estivo adestrándose durante toda esta semana, preparándose para o tramo decisivo da tempada.

A semana de adestramentos viuse complementada cun partido de adestramento co equipo de Marín de Leb Prata no Pavillón da Raña da localidade pontevedresa, devolvéndolle a visita que nos fixeron durante a pretemporada. O partido desenvolveuse nun ambiente informal, pondo o marcador a cero cada cuarto.

O partido serviu para non perder ritmo de competición e aproveitar para pór novas cousas en práctica. Todos os xogadores dispuxeron de minutos sen que se rexistrase ningunha incidencia en forma de lesión. Hoxe o equipo volverá adestrarse en dobre sesión, mentres que os xogadores terán libre o venres, sábado e domingo. 

O luns, o equipo volverá aos adestramentos, xa coa vista posta no partido do venres contra o Clínicas Recuncho Axarquía no Palacio dos Deportes, un partido moi importante e que marcará en gran medida as aspiracións do equipo ata final de tempada na competición. Previamente a este partido, o Clínicas Recuncho enfrontarase este fin de semana ás Penas Huesca.

 

Esta web emprega cookies. Se continúas navegando entendemos que aceptas a nosa Política de cookies.