Escalada con AMI e Quidditch no Campus Milenium

Estamos na recta final das inscricións do noso Campus Milenium, con case 200 participantes xa confirmados, e seguimos presentándovos actividades de face a esta edición. Aínda que o baloncesto será o eixo central, como todos os anos deste campamento, con adestramentos todos os días, excepto na visita ao Aquapark de Cerceda, teremos actividades complementarias.

Grazas a un acordo de colaboración AMI (Asociación de Montañeiros Independente) teremos unha xornada de escalada no rocódromo do frontón de Riazor. AMI ten moitos anos de actividade formativa e competitiva ás súas costas. Como en todas as actividades do noso Campus, o nivel de dificultade será adaptado á idade e condicións físicas dos participantes, que pasarán un intre de diversión e seguridade nunha contorna segura e sempre controlados por monitores especializados.

Ademais, o rocódromo de Riazor conta con múltiples vía para a escalada, tanto paneis verticais como esborralles e teitos para a práctica deportiva desta especialidade.

Ademais, volveremos repetir un ano máis co Quidditch, o deporte máis popular na comunidade máxica de Harry Potter. Unha especie de fútbol-baloncesto aéreo que se xoga voando sobre escobas.

O quidditch creouse en 2005 nunha universidade estadounidense. Dous equipos de sete xogadores montados en escobas xogan nun campo do tamaño dunha pista de hockey e con tres aros de diferentes alturas a cada lado do campo. O obxectivo final é ter máis puntos que o opoñente cando a snitch, unha bóla de tenis metida nunha media colgada da cintura dun xogador imparcial oficial, é capturada.

A Asociación de Quidditch Muggle Dementores da Coruña será a encargada un ano máis de ensinar aos nosos participantes as destrezas para xogar este divertido deporte no que cada gol suma dez puntos e no que poderás elixir a posición de cazador, gardián, golpeador ou buscador, empregando distintos tipos de pelotas segundo o teu posto. Pero, ollo, os nosos xogadores non terán que voar, deixámolo á súa imaxinación...

Quidditch e escalada, dúas novas actividades complementarias ao baloncesto no noso Campus Milenium, que está a piques de pechar inscricións.

Esta web emprega cookies. Se continúas navegando entendemos que aceptas a nosa Política de cookies.