E chegou a oitava con 100

Redondo. Así foi o resultado do Leyma Coruña nesta undécima xornada, que lle enfrontaba a HLA Alacante. A pesar de que lle custou entrar no partido, quizais tamén polo frío ambiente que había en #OFornodeRiazor, aos poucos, sobre todo, tras o descanso, o equipo demostrou a súa capacidade de concentración, e pronto reaccionou, seguindo a senda da vitoria.

Proba diso, foi a segunda parte, na que cada vez se afastaba máis e máis no marcador do equipo alacantino, que o tentaba, sen ningún tipo de sorte. 

De novo, unha vitoria baseada na defensa, un factor indispensable esta tempada, e en todos e cada un dos partidos. Con todo, a iso debémoslle unir o acerto na anotación, que, sen dúbida, é o que fixo que o equipo chegase a tan alta anotación.

100 puntos nos que contribuíu gran parte do equipo. Con cinco xogadores en dobres díxitos, e con valoracións elevadas, proba do bo facer do conxunto laranxa. Está claro, que cada peza do quebracabezas laranxa, encaixa adecuadamente.

Esta vitoria marca un 8-3 para o cadro coruñés, con só tres derrotas en once partidos, e sitúaos cuartos. O vindeiro domingo, nova xornada en terras baleares. Veremos que pasa alí e se o equipo pode sumar a novena.

Esta web emprega cookies. Se continúas navegando entendemos que aceptas a nosa Política de cookies.