Dura derrota para despedir o ano

Non puido ser. O Leyma Coruña sofre unha dura derrota (83-88) no seu último encontro do 2020 ante Tizona Burgos.

O inicio do encontro xa denotaba que sería un partido intenso, rápido e con moitos lanzamentos de face á canastra. Os visitantes buscaban superar ao conxunto laranxa, pero estes aguantaron os intentos e terminaron o cuarto 23-15 tras un triplo sobre a bucina de Gaizka Maiza.

O segundo cuarto comezaba tamén co conxunto burgalés tirando e tirando en busca de maior anotación, e aínda que o tentaron, o Leyma soubo reaccionar e seguir aumentando os seus números, terminando o cuarto cunha lixeira renda de 42-40.

Á volta dos vestiarios, Tizona tentaba pór en aprietos ao Leyma, que seguía respondendo con intensidade e que terminaba o cuarto de novo cunha marxe de 2 puntos, con 65-63.

No cuarto final a concentración do Leyma Coruña tivo pequenas desconexións que lle acabaron condicionando. A pesar diso, continuou loitando e pelexando pola vitoria, pero algúns erros en defensa, xunto coa fortuna do rival á hora de anotar, fixeron que o resultado final fose de 83-88.

Unha derrota moi dura, pero que non embaza o gran traballo do equipo durante as 10 xornadas de liga. Agora, uns días de descanso para recargar as pilas e de novo volta aos adestramentos para o enfrontamento contra Clínica Sur Aspasia Valladolid, o 3 de xaneiro en terras valisoletanas.