Debut con vitoria

Despois de seis longos meses afastados das pistas, de forma obrigada, o Leyma Coruña disputou esta tarde o seu primeiro encontro de pretemporada. Un amigable en terras portuguesas ante o Vitória SC de Guimarães, e que foi a primeira toma de contacto para o renovado persoal, máis aló de adestramentos.

O partido comezou con intensidade e boa cara para os coruñeses, con dous triplos abrindo o marcador e colocándose pronto por encima do seu adversario no luminoso. Aínda que no primeiro cuarto puido haber algúns minutos de ?incerteza? por parte de ambos os conxuntos, o equipo coruñés impúxose finalizando o cuarto 5 puntos por encima.

O inicio do segundo cuarto non fixo máis que axudar ao Leyma Coruña a seguir aumentando a vantaxe, que pronto sumou un +10, cunha defensa ben plantada e coas ideas claras, dominando o rebote baixo o seu aro. Iso, sumado ao acerto en ataque, favoreceu que ese dominio seguise crecendo, ata irse ao descanso cun 34-48.

Con todo, a volta dos vestiarios complicouse, lixeiramente, para o cadro laranxa, apertados polos portugueses, forzando un 0-5 en faltas en menos de catro minutos de xogo. A pesar diso, o Leyma non deu o seu brazo a torcer, e cun xogo organizado e ben traballado de forma coral, finalizou o terceiro cuarto con vantaxe, 59-64.

E no último cuarto, aínda que parecía que o Vitória apertaba ao Leyma, os coruñeses sacaron a garra necesaria para imporse, definitivamente, cun 70-82. Unha vitoria que deixa un moi bo sabor de boca e onde destacamos a participación no encontro, de todos os xogadores dispoñibles por Sergio García.

O vindeiro mércores, nova cita, ante o CB Oviedo, en #OFornodeRiazor.