Crónica J16 Basquet Coruña 02: Subindo chanzos.

Partido disputado o domingo ante un dos equipos de Culleredo que compiten nesta liga. Chegabamos á disputa deste encontro cunha semana rara de traballo debido á lesión de dous xogadores do noso equipo que esperemos podamos contar con eles canto antes.
Igual que o fin de semana pasado, xogabamos contra un equipo que na primeira volta conseguimos vencer pero con pouca rodaxe de adestramentos. Esta vez enfrontabámonos noutra situación, pero sempre respectando ao máximo ao rival, todo o mundo adestra e todo o mundo porache as cousas moi difíciles.

Comezaba o partido con moita alegría por parte dos nosos xogadores onde a superioridade no 1x1 e o bo xogo sen balón facíannos conseguir canastras fáciles debaixo do aro. O bo traballo en defensa, a presión nas liñas de pase e pechar o rebote defensivo servíannos para poder correr e xogar a campo aberto, conseguindo así unha vantaxe no marcador.

Culleredo aumentaba o seu ritmo defensivo a toda pista, póndonos en problemas debido á mala toma de decisión dos nosos xogadores á hora de pasar medio campo. Pero un cambio na formulación defensiva por parte dos locais, pasando a defensa zonal durante toda a segunda parte, veunos moi ben para estar máis cómodos á hora de subir a pelota e comezar un ataque diferente ao resto. A boa ocupación de espazos, o xogar dentro do xogo do equipo e asumir tiros cando é o momento, fannos conseguir 36 puntos nesta segunda parte. A pesar da vitoria estamos nun momento de máxima esixencia que sabemos que cando se gaña tamén se fan moitas cousas mal. Martes máis.

Culleredo O Burgo 48

Básquet Coruña 02 69

Parciais: 9-17, 12-16, 11-19, 16-17.